07 febrero 2014

A acción exterior da Xunta, ou como desaproveitar a presenza humana de Galicia no mundo

A viaxe do presidente da Xunta ao "inferno castrista" motivou que numerosos analistas aludiran ao teórico "fraguismo" de Alberto Núñez Feijóo. Perón, comparar a estancia en Cuba do actual xefe de Goberno galego coas viaxes de Manuel Fraga Iribarne é tanto ou máis absurdo que outorgar a Feijóo a calidade de herdeiro político, ideolóxico ou moral do León de Vilalba.
A estancia de Feijóo na Habana foi políticamente irrelevante, pois a súa única utilidade práctica foi sondar posibilidades de negocio para investidores galegos.
Mais clariño: o presidente da Xunta exerceu como axente comercial e financeiro, o que resulta paradoxal se se ten en conta que un dos principais lastres da economía do país galego é a actitude das grandes fortunas autóctonas, que están a deslocalizar a maioría dos seus activos (por exemplo: excepto tres, todas as sicav emigraron a Madrid) e prefiren investir alén de Pedrafita que no sostemento de empresas e actividades que son esenciais para Galicia.
..
A realidade é testana
A realidade económica galega cabe resumila coa privatización da súa principal entidade financeira, NGBanco, adquirida a prezo de saldo por un banqueiro venezolano; sen esquecer a toma de control por parte de Pemex dun dos estaleiros tecnoloxicamente máis avanzados de Europa, Barreras, cuns xestores que venderon o 51 % das súas accións por 5 millóns de euros.. o 5 % do investido polo Real Madrid para comprar a ficha de Gareth Bale!
Nese marco, que a única misión real da viaxe de Feijóo á Habana fora buscar oportunidades para os investidores galegos, non só resulta paradoxal, tamén é social e económicamente inxustificable.
Os organizadores da viaxe adornaron a intermediación coa asistencia de Feijóo á firma do acordo mediante o cal fusionáronse 38 entidades cubano-galegas e, para redondear o argumento, lograron que o presidente da república caribeña, Raúl Castro, recibira á delegación da Xunta.
Nese encontro, o Goberno cubano encargaría a Feijóo trasladar aos posibles investidores galegos o compromiso de que a Administración cubana protexerá os euros que decidan poñer a traballar na illa…
En definitiva, o titular da Xunta viaxou á Habana para facilitar a emigración de diñeiro e ademais, como ao parecer Galicia é rica, comprometeuse a seguir financiando ás entidades galego-cubanas porque «son a referencia e o apoio ás nosas accións de atención social e cultural nas comunidades de emigrantes».
Comunidades de emigrantes (non me refiro precisamente á cubana) que, por certo, tampouco invisten en Galicia e que, desde o punto de vista económico, os seus dous únicos nexos co país son: un, tirar de antepasados para conseguir a cidadanía española cando nos países de residencia hai dificultades e, dous, o regreso dos emigrantes xubilados ou en situación precaria.
..
[En Galicia son maioría os dirixentes políticos que seguen analizando a emigración con criterios "emocionais" e, por ende, como se ben entrado xa o século XXI, o país galego seguira ancorado na realidade dos anos corenta, cincuenta e sesenta do século pasado]
..
Covardía ideolóxica
Noutra orde de cousas, é unha obriga subliñar que o líder dos conservadores galegos refusou atender o convite a reunirse cos representantes da oposición política cubana. 
Antes de que Feijóo iniciara a viaxe, José Daniel Ferrer, residente en Santiago de Cuba, remitiu dúas mesaxes ao líder do PP galego para que que tivera unha xuntanza cos dirixentes da Unión Patriótica de Cuba (Unpacu), coordinadora que avoga por unha transición democrática e que conta con máis de 8.000 militantes e un número de simpatizantes que é imposible cifrar, aínda que fontes alleas á organización coinciden en que supera os 100.000.
Pero o secretario executivo da Unpacu e os seus compañeiros foron excluídos da axenda habaneira de Feijóo. Ao respecto, tal como lembrou Ferrer cando remitiu o convite a Compostela, compre subliñar que na Unpacu abundan os nacidos galegos e os fillos e netos de galegos.
De feito, Ferrer é neto dun galego por vía materna: «O meu avó, Felipe Barrios, pelexou contra Franco e tívose que exiliar en Cuba cando se perdeu a guerra e logo, cando houbo que pelexar contra Batista, tamén pelexou contra Batista. E despois acabóuselle a vida cando contemplou o feito por Fidel con todo aquilo polo que el loitara».
Tanto ou máis curioso que o desplante á Uncapu foi a comparecenza no Parlamento Galego do director xeral de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, que a "touro pasado" afirmou que a expedición foi un «éxito» porque o presidente da Xunta «fixo o que tiña que facer»… ¿?
..
O éxito é que Feijóo saiu no Granma!
Ademais de non concretar o contido de "fixo o que tiña que facer" nin as xestións a prol dos investidores galegos, o colmo da superficialidade político-institucional produciuse cando Gamallo alegou que a proba de que a viaxe fora un éxito é que Feijóo «saíra na portada do diario Granma»... Todos os mandatarios que se entrevistan co presidente da república saen no Granma!
Gamallo insistiu na importancia de que Feijóo asistira á firma da unificación das entidades galego-cubanas e, acaso para ocultar o acto de desprezo político a Unpacu, precisou que o líder do PP galego reuniuse co presidente da Conferencia Episcopal de Cuba, monseñor Dionisio García: «Non sei se falaron só de salvar as ánimas dos cubanos, pero tamén falaron doutras cousas», apuntou Gamallo, dando a entender que durante o encontro confesional Feijóo defendeu a transición política e a apertura económica de Cuba.
O balance, pois, é politicamente irrelevante e salvo que prospere a intermediación de Feijóo a prol dos investidores galegos que queren facer negocios na illa, da excursión á Habana só quedará rastro onde sexa que coloquen a copia enmarcada da primeira plana do Granma na que aparecen Alberto Núñez Feijóo e Raúl Castro Ruz, ambos sorrindo, o primeiro porque abriu outra porta á chegada de capitais e o segundo porque foi comparado con Fraga Iribarne nalgúns medios galegos.
..
NOTA:
Baixo o título "O presidente Feijóo en Cuba", este artigo forma parte de Nós no mundo 2014. Informe anual da acción exterior de Galicia: No mundo a medias (formato PDF), editado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi).
..
NOVAS relacionadas co asunto:
* "O Igadi reclámalle á Xunta e á sociedade galega un impulso á acción exterior", e
* "Xulio Ríos deixa o Consello de Acción Exterior creado por Feijóo, pola súa inoperancia", en PRAZA PÚBLICA.
..
VÍDEO: "A. BEN SENMEDO", remitido a Im-Pulso a xeito de "comentario" ao post [O proxecto que pretenden executar no monte Cabral é inxustificable. Grazas polo vídeo-clip e unha aperta grande].

2 comentarios:

  1. Ya sabes lo que pienso.......

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Lo sé. Pero no sólo lo piensas (¡lo pensamos!), lo sufres (¡lo sufrimos!). Un abrazo.

      Eliminar

NOTA: ImP no publica injurias ni imputaciones de faltas o delitos sin aportar pruebas ni referencias judiciales o sentencia.
Sólo serán publicados los anónimos que a criterio del administrador sean de interés.